A Deputación da Coruña abriu o prazo para que medio milleiro de crianzas dos concellos da provincia se anoten aos campamentos deportivos que a entidade provincial desenvolve os meses de xuño e xullo. As inscricións poderán realizarse ata o 20 de maio. Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, emprazado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración (sendo a quinta a que corresponde aos concellos da comarca do Barbanza). O prezo do campamento é de 85 euros, que inclúe transporte, estadía e manutención, así coma o gasto das actividades.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, celebrou “a boa acollida que teñen estes campamentos entre a mocidade dos 93 concellos da provincia, tanto é así, que incrementamos o número de prazas, pasando das 400 da anterior edición ás 500 desta”.
Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán, en palabras da Deputación “fomentar a comunicación, o intercambio de experiencia, a convivencia e o respecto polos demais”.
Entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.

As quendas son as seguintes:
1ª quenda (do 26 de xuño ao 2 de xullo): Aranga, Bergondo, Cabanas, Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago, Vilarmaior e Vilasantar.
2ª quenda (do 3 ao 8 de xullo): Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.
3ª quenda (do 10 ao 15 de xullo): Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.
4ª quenda (do 17 ao 22 de xullo): Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.
5ª quenda (do 24 ao 29 de xullo): Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas.