O salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal foi escenario na tarde deste 20 de abril dunha recepción a Enzo López Moure por parte da Corporación municipal co gallo dos logros acadados polo deportista. Enzo estivo arroupado por familiares e polos seus compañeiros e compañeiras da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.

Enzo López Moure destaca nas disciplinas de lonxitude, triplo salto e xavelina, nas cales conseguiu, entre outros, resultados tan salientábeis coma os recentes títulos de Campión de España Sub16 en Lanzamentos Longos de Inverno en xavelina 2022; Campión de Galicia Sub16 de Triplo Salto en Pista Cuberta 2022; bronce no Campionato de España Sub16 en xavelina 2021; ou Campión de Galicia Sub16 en Lanzamentos Longos de Inverno en xavelina 2021, ademais de ostentar os récords de Galicia Sub16 en xavelina, Sub12 en xavelina, Sub14 en Triplo Salto en Pista Cuberta e Sub12 en Lonxitude.

A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), trasladoulle os parabéns e manifestou que a traxectoria do atleta constitúe “un orgullo para todos nós”, especialmente ao formarse nun club local. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra) gabou os éxitos de Enzo, así como o labor de tódalas persoas ligadas á entidade deportiva que conta cunha gran canteira de atletas. Ao remate fíxoselle entrega dun agasallo consistente nunhas zapatillas con cravos especiais para a práctica da xavelina.
