A axenda de Falaredes nos concellos inclúe homenaxes a Florencio Delgado e a Castelao

26 Abril 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este 26 de abril a undécima edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2022, posto en marcha en concellos e entidades adscritos na Rede de Dinamización Lingüística. A axenda inclúe máis de 40 sesións de oito actividades. Valentín García salientou o protagonismo que vai ter no programa a figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Así, a primeira actividade está dedicada a “dar a coñecer a súa traxectoria e a súa obra dunha maneira próxima e amena”, sinalou.

Na presentación estivo acompañado por Inacio Vilariño, actor da peza Tras os vieirios de Florencio, que participou na presentación caracterizado como Florencio Delgado Gurriarán. Tamén estiveron o músico Xabier Díaz, Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares; Nacho Fungueiriño, representante de Culturactiva; Federico Welicki e Verónica Santalices, do grupo musical O Viravai; Estívaliz Veiga, da compañía teatral O Reflexo; Gustavo del Río, dos Náufragos Teatro; o músico Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro.

Como dixemos, FalaRedes desenvolverá máis de 40 sesións de 8 actividades variadas. A edición ábrese cunha peza teatral da compañía Fantoches Baj, Tras os vieiros de Florencio, que amosa a traxectoria, a obra e mais a poética do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas: Florencio Delgado Gurriarán. Xabier Díaz formará tamén parte deste programa coa proposta musical Levantarse e caer. Arrolos e abrentes, o novo disco do artista dedicado aos pais e nais que optan por transmitirlles a linga galega aos seus fillos e fillas.

A compañía de teatro Os Náufragos levará aos escenarios a súa obra Karelu, de Ismael G. Candal e Gustavo del Río, sobre a educación na familia, a violencia, a crise e os valores das sociedades contemporáneas. Seguindo co teatro, o espectáculo (Algunhas) Cousas de Castelao nace da fusión entre o traballo que o actor Fran Rei vén desenvolvendo desde o ano 2017 no Obradoiro de Dramatización e Teatro da asociación Avante, dedicada ás persoas con diversidade funcional, e da súa propia experiencia previa na creación e produción da peza Retrincos de Castelao, de Culturactiva Producións.

Entre maio e xullo, o grupo de música infantil O Viravai representará, baixo xestión de Merlín Comunicación (Galaxia), A miña lingua, a túa lingua. E por primeira vez a ópera chega ó FalaRedes da man dunha obra contemporánea da autoría de Javier Ozores, O reflexo, unha proposta operística e teatral que parte de textos de Emilia Pardo Bazán.

O músico Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro propoñen unha iniciativa dobre que combina a música e a literatura. Por unha banda, e para celebrar o 20 cabodano do pasamento de Carlos Casares, presentan a velada literario musical Tocata & fuga para Carlos Casares, coa colaboración da Fundación Carlos Casares. Amais, ofrecen Contos, cantos e pedraviva, que se levará a cabo en espazos patrimoniais significativos. Con estas actividades ábrese a XI edición do FalaRedes, que a partir do verán se verá enriquecida con novas iniciativas emanadas da convocatoria TeCeRedes, destinada a adquirir actividades de dinamización lingüística para a infancia e a mocidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.