A ABE, Política Lingüística, o Concello e o empresariado de Boiro mostran as vantaxes de usar o galego nos negocios

28 Abril 2022

Finalmente celebrouse este mércores 27 de abril, na sede da ABE en Boiro, unha charla aberta e colectiva destinada a enxalzar as vantaxes do uso do galego a nivel empresarial: un recurso que outorga non só imaxe de marca e prestixio, senón que pon de manifesto unha clara vontade de responsabilidade empresarial lingüística, cultural e comunicativa (cos clientes). A charla Fálame sempre: o galego como estratexia empresarial contou coa participación dos representantes de tres empresas locais que levan anos apostando pola nosa lingua e que quixeron compartir as vantaxes que isto lles reportou.

Alberto García, técnico de cultura do Concello de Boiro, foi o encargado de presentar o acto e definiu a cita omo “unha continuidade da liña de traballo que dende o Concello de Boiro mantemos aberta dende fai 15 anos coa ABE, e a través da cal tratamos de demostrar que a cultura e o ámbito empresarial poden ir da man”.

Cedeu a palabra ao presidente da ABE, Daniel Garcia, quen declarou que “esta xornada tamén é un anticipo á edición habitual do Pecha Kucha que viña organizando a ABE antes da pandemia e que seguramente retomaremos despois do verán”. O presidente da ABE quixo “agradecer expresamente a asistencia ao acto de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e a dos representantes das empresas que acudiron para relataren a súa experiencia co galego no ámbito empresarial.

A continuación Valentín García Gómez, argumentou que a lingua galega é “unha denominación de orixe, unha marca que ofrece distinción, garantía e calidade á hora de comercializar un produto” e animou a todas as persoas que están pensando en crear un proxecto empresarial, ou ás empresas que están proxectando reconverter a súa imaxe de marca, a “utilizar o galego na súa estratexia de comunicación e na comercialización dos seus produtos”.Segundo fixo saber, “dende a Administración temos a labor de concienciar e convencer de que funciona, de axudar e transmitir a todos aqueles que queren introducir o galego na súa empresa, tanto a nivel administrativo como a nivel comercial”. O galego, dixo, é “unha lingua que alcanza noutros ámbitos altas cotas de éxito como por exemplo na cultura”. Asemade, avogou por xuntar forzas para introducir a nosa lingua en terreos novos de gran proxección futura, como por exemplo as novas contornas de voz abeiradas á robótica.

Deseguido foi a quenda das empresas locais, que expuxeron as súas experiencias e convidaron a outras iniciativas a seguir o mesmo camiño. Primeiro foi a quenda de Iago Caramés, que explicou que O Furancho naceu en Madrid no ano 2016 xa coa intención de facer unha taberna galega e que na actualidade rexenta con outro socio A Terraza do Furancho en Boiro. Cando ambos estableceron os alicerces do negocio acordaron que entre as premisas fundamentais atoparíanse as continuas homenaxes á cultura galega. “Aos clientes de aquí facémolos sentir como na casa dos seus avós e cos de fóra xurde unha interacción entre eles e nós, na que nos preguntan o significado de varias expresión e palabras, que doutro xeito non existiría”. Tamén serven café de pota, viño cosecheiro en cuncas e na súa carta dispoñen de botellas de viño Ramón Casar que conteñen fragmentos de poemas escritos en galego polo propio Ramón Casar.

Pola súa banda, Rosa Tubío, de A librería de Rosa – Espazo Lector Nobel, sinalou que dende os inicios deste seu negocio sempre tivo claro “que o galego iba a ser a lingua empregada”, tanto foi así que xa a acta notarial de constitución da empresa xa se realizou na nosa lingua. Ademais, é o único establecemento da franquía de todas as que hai en Galicia na que figura o nome en galego, “Espazo”, en troques de “Espacio”. Unha gran parte da librería de Rosa está adicada á venta de libros en galego ademais todas as presentacións son en galego. Para Rosa a nosa lingua “é un verdadeiro motivo polo que nos debemos de sentir orgullos@s e temos que potenciala en todos os ámbitos de comunicación”.

Para rematar, interveu Abel Tomé, de A Casa da Avoa, quen detallou que dende a orixe do proxecto el e máis o seu socio tiveron moi presentes os usos e costumes da cultura galega. “Este proxecto xurdiu coa idea dunha homenaxe á nosa nenez baseándonos nas nosas propias experiencias vividas en contacto coa cultura tradicional, como por exemplo a matanza do porco ou a recolleita do millo, experiencias que nos crearon impacto á hora de iniciar este proxecto”, sinalou, engadindo que nos produtos que ofrecen hai numerosos sinais de identidade con retranca galega, como por exemplo nas latas de rexóns. “É moi gratificante cando persoas de fóra fan un pedido no noso idioma utilizando termos antropolóxicos arraigados á nosa cultura galega”, sinalou.

Por último Dores Torrado, concelleira de Política lingüística, avogou por un modelo de negocio onde o galego estea presente: “Se nun proxecto de emprendemento poñemos o galego por diante e nos damos a importancia que merecemos podemos chegar moi lonxe”.

Pechou o acto José Ramón Romero, alcalde de Boiro, coincidindo en que o galego é “un valor engadido no ámbito empresarial” e agradeceu a Valentín García “o apoio brindado a este tipo de iniciativas”.

Finalmente as persoas asistentes puideron desfrutar duns pinchos onde seguiron falando das súas experiencias co galego e contando anécdotas relacionadas co uso do noso idioma.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

A frase non é -que máis quixera!- da miña autoría. Pertence ao escritor monfortino Lois Diéguez, quen na contracuberta da súa obra "As voces amadas" (publicada o ano pasado) dí: "... eu non son así, eu non son un móbil nin máquina ningunha. Rebélate, pois, se tes...

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

El sol acaricia suavemente los cristales de la ventana, las cortinas dejan pasar un hermoso rayo de luz, llego la hora. La plaza del comercio, donde se celebrarán los actos conmemorativos, allí haciendo las líneas de un cuadrado el pueblo portugués espera, espera para...