O Concello de Boiro vén de ser beneficiario dunha subvención estatal (do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo) financiada mediante fondos Next Generation da Unión Europea. En concreto, o proxecto presentado acadou unha axuda de máis de 200.000 euros para realizar actividades de promoción comercial no municipio boirense. A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) foi a encargada de definir o proxecto, perfilar os contidos e redactar a memoria que finalmente acadou a dita axuda.

Segundo informa a ABE, o investimento total da proposta será de preto de 300.000 € para executar, durante este ano 2022, un completo programa de actuacións divididas en diferentes liñas que abranguen dende proxectos de transformación dixital (coa posta a disposición de servizos de posicionamento SEO para comercios con páxina web de venta) ata o subministro de bonos de transporte para usar en envíos a domicilio de compras no comercio local. A este respecto, a patronal informa que “puxemos especial atención na mellora e transformación dos espazos de compras, nos que se instalarán puntos de descanso con Wi-Fi e carga de móbiles e puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcamentos mais céntricos”.
Ademais de todos estes proxectos realizaranse actuacións dirixidas á promoción das ventas (como a decoración de rúas ou a animación comercial) e á formación (coa posta en marcha dun mini-máster que terá lugar nas aulas da ABE).
A patronal engade que o proxecto tamén inclúe “unha aposta decidida polo coidado do medio ambiente e da economía circular”, contemplando iniciativas como o reparto de bolsas para o comercio, o fornecemento de envases orgánicos para os envíos de comida da hostalería e a instalación dunha innovadora máquina de reverse vending.
“Todas estas actuacións, excepto a do mercado municipal, foron deseñadas pola ABE, e neste intre estamos coordinando xunto co Concello a súa posta en marcha, a maioría están moi avanzadas e nas vindeiras semanas vos daremos conta delas a medida que se concreten”, engadiu a patronal, que agradece “a confianza depositada polo Concello de Boiro na nosa entidade para a definición e execución deste importante proxecto que redundará na mellora do sector comercial da localidade”.