“Un trasfondo de decepción” – Anton Luaces

O Goberno aprobou no Consello de Ministros celebrado este martes un paquete de axudas de 430 millóns de euros en medidas específicas para o sector agrario e pesqueiro, no marco do Plan Nacional de Resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína.

Para a pesca extractiva e acuícola destina un total de 68,18 millóns de euros, mentres que para o sector agrícola e o gandeiro as subvencións suman 193,47 millóns de euros. Para o sector produtor de leite, 169 millóns de euros.

O sector agrario e o pesqueiro tamén se benefician da redución de 20 céntimos por litro de combustible ata o 30 de xuño, o que supón un impacto duns 78 millóns para os agricultores e outros 16 millóns para os pescadores en función do consumo medio realizado en anos anteriores.

O sector pesqueiro disporá, amais, de medidas como a exención das taxas portuarias da pesca fresca, a exención do canon de uso dos bens do dominio hidráulico para as instalación de acuicultura continental e o aprazamento no pago das cotas de seguridade social.

Esta cantidade súmase ás medidas do real decreto para paliar os efectos da seca cun impacto de 450 millóns de euros no sector agrario.

As axudas directas do Estado para buques e empresas armadoras pesqueiras para compensar polo incremento, sobre todo do prezo do combustible, sumarán 18,128 millóns de euros e oscilarán entre os 1.550,52 euros por barco (cunha tonelaxe bruta de menos de 25) ata un máximo de 35.000 euros para os buques a partir de 2.500 de tonelaxe bruta.

O sector pesqueiro e acuícola disporá dun total de 50 millóns de se euros (30millóns para compensar aos pescadores polos custos adicionais ocasionados e outros 20 millóns máis para a acuicultura). Tamén se vai beneficiar o sector pesqueiro do aprazamento no pago das cotas da seguridade social por tres meses. Os pescadores poderán beneficiarse asemade dunha liña de crédito do Instituto de Crédito Oficial e da Sociedade Estatal de Caución Agraria (ICO-SAECA).