Os equipos de emerxencias acoden no rescate do condutor dun turismo que se espetou contra as rochas no Faro de Corrubedo, en Ribeira.
Por fortuna, a persoa atopábase ben, aínda que foi trasladado ao Centro de Saúde da localidade co fin de recibir a asistencia médica necesaria.
Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia ás 11:30 horas desta mañá para alertar dun vehículo que se foi contra as pedras co seu condutor a bordo. Aínda que semellaba estar ben, o implicado negábase a abandonar o coche ata que chegaron os equipos de emerxencias para convencelo do contrario.
Malia presentar un bo estado físico, o home foi evacuado por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Centro de Saúde co fin de prestarlle a atención médica necesaria.
Pola súa banda, os axentes da Policía Local, Nacional e Garda Civil que acudiron ao lugar dos feitos tratan de aclarar a motivación deste suceso.
Cómpre indicar que, desde o 112 Galicia, tamén se solicitou a intervención dos Bombeiros de Ribeira e Boiro, así como dos membros do servizo local de emerxencias.




