M. A.- Segunda entrega do play off de cuartos de final da Superliga. O Rotogal Boiro Voleibol, que carece de marxe de erro trala derrota padecida o pasado sábado (0-3), visita ao Unicaja Almería mañá ás 20.30 horas no Pavillón Moisés Ruiz. Os galegos tratarán de estirar unha eliminatoria que arrincou con marcada cor andaluza e, en principio, o técnico Marcelo Benavídez contará con todos os seus efectivos para buscar a proeza.
Tras o contundente revés sufrido o pasado sábado na estrea da eliminatoria, o Rotogal Boiro Voleibol tentará facer borrón e conta nova para recuperar sensacións e nivel competitivo ante un Unicaja Almería que dominou con man de ferro o encontro disputado na Cachada. A receita de Marcelo Benavídez para elevar as opcións de éxito pasa por rebaixar a cantidade de erros que o seu equipo cometeu no primeiro episodio da batalla contra os andaluces.
O Unicaja Almería, pola súa banda, tratará de aplicarse coa mesma firmeza que exhibiu o pasado sábado, cando rubricou un partido con escasas fisuras e un control humillante. O central Miguel Ángel Fornés, o oposto Pavel Kukartsev e o receptor Javier Jiménez Scull foron tres dos alicerces dos andaluces no primeiro partido da serie celebrado en Boiro. Pero o fondo de armario dos de Manuel Berenguel é moi amplo, con outros xogadores como Juanmi González Limón ou Igor Jovanovic como dous dos seus principais expoñentes.
No caso de que o Rotogal Boiro Voleibol consiga o triunfo, o terceiro partido da serie disputaríase o sábado ás 19.30 horas no pavillón do Unicaja Almería.

Precedentes
Play off polo título 2021-2022
Rotogal Boiro Voleibol, 0-Unicaja Almería, 3
Tempada 2021-2022
Rotogal Boiro Voleibol, 3-Unicaja Almería, 0
Unicaja Almería, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 0
Copa do Rei 2022
Unicaja Almería, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 2
Tempada 2020-2021
Rotogal Boiro Voleibol, 1-Unicaja Almería, 3
Unicaja Almería, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 0