
No marco da Semana da Prensa que desenvolve o CEIP O Grupo e co apoio e financiación do Concello de Ribeira, o día 9 de marzo vai recalar no noso municipio unha das maiores eminencias en España sobre acoso escolar coa fin de impartir dúas conferencias sobre este problema presente na sociedade: o psicólogo Javier Pérez Aznar.
A concelleira de Educación, Juana Brión, e a directora do centro, Nieves Lampón, presentaron a iniciativa, denominada “Ribeira sen acoso” coa que se pretende incidir, segundo explicou esta última, en tres ámbitos: empoderar a quen sufre o acoso, tratar de minorar as condutas negativas de quen o ocasiona e reparar tamén no papel do observador como colaborador silencioso.
A primeira das conferencias terá lugar ás 10.30 horas e estará dirixida ao alumnado de Educación Primaria (a partir de 5º curso), ESO, Bacharelato e FP dos distintos centros do municipio. En tanto que ás 19 horas no Auditorio Municipal haberá unha segunda ponencia destinada a profesores, nais e pais que teñan interese na solución desta problemática. Para asistir presencialmente só é preciso que envíen un correo a normalizacion@ribeira.gal e responderase coa confirmación da reserva. Haberá servizo de monitorado gratuíto no propio Auditorio entre as 18.30 e as 20.30 horas para facilitar a asistencia.
Ademais, ambas conferencias serán retransmitidas por streaming na canle de YouTube do Concello.
Esta vai ser a segunda ocasión na que Javier Pérez Aznar visite Ribeira para compartir os seus coñecementos. Contarase tamén coo testemuño de Iñaki Zubizarreta, o famoso xogador de baloncesto que foi vítima de bullying no seu colexio e guía do programa televisivo “Hermano Mayor”, que participará na xornada en liña.
Segundo referiu Juana Brión, xa hai constancia da participación en streaming de case todos os centros de ensino de Ribeira, e animou desde aquí a que participen todos cantos queiran pois as charlas se poderán seguir na canle de YouTube do Concello de Ribeira.
