A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) organizou na súa sede unha actividade informativa para axudar a empresarios, profesionais, autónomos e particulares en xeral a aforrar na factura eléctrica. A charla comezou coa presentación do presidente da patronal, Daniel García, que se amosou enormemente satisfeito de que “tras un parón obrigado polas restricións COVID de 2 anos hoxe poidamos retomar un dos nosos formatos mais exitosos, os Almorzos ABE”. García explicou que “a partir de agora e de xeito regular trataremos temas de actualidade neste formato que nos permite, ademais de escoitar a charla, compartir un café coas persoas relatoras e coas compañeiras e compañeiros das empresas locais”.

Como dixemos, desta volta a temática foi ligada á máxima actualidade: o prezo desorbitado da luz e da enerxía e as medidas que podemos adoptar para paliar esta suba. O encargado de abordar estes temas foi o consultor enerxético Diego Carnés, delegado de Grupo ae2000, quen explicou de maneira clara e sinxela os “moitos cambios que tiveron lugar no mercado enerxético e que derivaron nas actuais facturas de importes desmesurados que están a recibir tanto empresarios como particulares”. A charla, á que asistiu un bo número de empresarios locais, comezou coa explicación das novas tarifas e proseguiu abordando o funcionamento do mercado eléctrico e como funcionan as poxas da luz. Carnés amosouse preocupado porque “nestes días estanse producindo reunións entre Goberno e responsábeis das enerxéticas pero sen producirse acordos que se trasladen aos prezos”, dixo, engadindo que “nos próximos días a UE debe tomar decisións importantes sobre o mercado eléctrico que, agardamos, desta vez si se noten nos prezos pero que, en todo caso, non farán que estes volvan aos niveis do pasado verán”.
Dende Grupo ae2000, co que a patronal de Boiro mantén un acordo de colaboración, recomendan estudar cada caso de maneira independente e por este motivo as persoas asistentes acudiron á charla coas súas facturas da luz e puideron consultar os seus casos particulares.
Chegando ao intre crucial do relatorio, o de como aforrar, Carnés indicou que “existen varias maneiras de reducir as tarifas que pagamos; a negociación da tarifa, axustar a potencia ao consumo, implementar medidas de medición e control e incluso a aposta pola instalación de placas fotovoltaicas que, na maioría dos casos amortízanse en menos de 7 anos e contan con importantes axudas do INEGA”
O almorzo rematou cun networking no que os presentes compartiron un café co relator e os consultores da firma onde concretaron citas persoais a través das cales, sen compromiso e de xeito gratuíto por ser socios da ABE, realizaráselles un estudo da súa situación e presentaráselles unha oferta personalizada.
