O IES Félix Muriel mostrará nun audiovisual online os seus esforzos por manter vivo o lume do galego

21 Marzo 2022

O Consello da Cultura Galega presentou este luns 21 de marzo os detalles dun novo proxecto destinado a mostrar a realidade actual do galego, e non dun xeito calquera, senón dunha maneira dinámica, participativa, creativa e atractiva para as novas xeracións. Estamos a falar do proxecto Aquí medra a lingua, que propón un convite audiovisual a coñecer os logros en materia lingüística de seis centros educativos da nosa xeografía, incluído o IES Félix Muriel de Rianxo. Trátase de media ducia de prezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade, coordinados polos equipos locais de dinamización lingüística.

O primeiro deses traballos presentouse este luns no IES Perdouro de Burela nunha xornada de convivencia na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado do centro. Na sesión proxectouse o primeiro dos capítulos, O modelo Burela, que xa está dispoñible na web do Consello da Cultura Galega (CCG).

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou que “este proxecto amosa seis realidades educativas e lingüísticas moi diferentes, todas elas moi positivas e a base do compromiso, creatividade e vontade de sumar esforzos das diferentes persoas”. Engadiu que “no espello do modelo Burela pódense ver outros galegos, é imitable noutros lugares de Galicia, ao mellor non no conxunto, pero si en parte”.

Burela, primeira parada

O Modelo Burela é o título do primeiro dos capítulos nos que está estruturado Aquí medra a lingua. Nel explícase un proxecto que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004, como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social inmediato. Entre outras cousas, fálase das iniciativas estrela do centro en materia de lingua e comunicación, como o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto.

Presentación do proxecto en Burela

O proxecto

Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son “un cómplice indispensábel na lingua galega e da súa transmisión”. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen, en palabras do CCG, “un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia”. Esta contribución audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincan con O modelo Burela, e que se irán subindo semanalente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.

Continúa o 28 de marzo co episodio titulado Reforzar o propio do CPI Virxe da Saleta, e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Segundo explica Consello da Cutural, “son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso”. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.