O Edificio de Usos Náuticos da Pobra contará cun novo ximnasio, un ascensor e unha ampla cristaleira na fachada

25 Marzo 2022

Este xoves 24 de marzo marcará un antes e un despois en materia de deporte na nosa comarca, concretamente na Pobra do Caramiñal, que, como avanzamos dende O Barbanza, recibiu a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para comprobar in situ o estado do edificio de usos náuticos que alberga a actividade do Club Remo Puebla e anunciar o proxecto de mellora e ampliación (que abrangue a construción dun segundo ximnasio e a instalación dun ascensor, entre outros equipamentos). Tamén foi unha xornada relevante en materia de emprendemento e innovación, ao incluírse na visita unha “parada” no Centro de Coworking local, abeirado á Rede de Centros de Traballo Colaborativo da Deputación.

González Formoso e a deputada provincial Sandra González foron primeiramente recibidos na Casa Consistorial polos concelleiros e concelleiras que conforman a Corporación municipal. No acto de benvida, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceron as contribucións da entidade provincial ás administracións locais para “a realización de diversas obras e o impulso de numeroso proxectos”. Ademais, fixéronlle entrega dun obsequio consistente nunha dorna de cerámica e procedeuse coa sinatura no libro de honra do Concello.

A continuación, efectuouse o desprazamento ata o propio edificio de usos náuticos, onde a comitiva foi recibida polo presidente do club, Antonio do Carmo, e os remeiros e remeiras que compoñen esta entidade deportiva con forte arraigo na localidade. Alí deron a coñecer o proxecto de mellora e ampliación que se levará ao pleno provincial deste 25 de marzo. O investimento ascende aos 394.738’30 euros, IVE incluído, dos cales a Deputación aportará arredor de 300.000 euros e o resto será asumido polo Concello.

A mellora das instalacións suporá a dotación dun segundo ximnasio, dunha sala de usos múltiples e dun despacho para a directiva; maior capacidade de almacenamento do material; renovación dos vestiarios; e mellora da accesibilidade que inclúe, por exemplo, a instalación dun ascensor. Ademais, a fachada principal contará cunha ampla cristaleira que incremente a iluminación natural e a comunicación visual co exterior.

A folla de ruta proseguiu no Coworking que recentemente se incorporou á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. Creado en 2017, o centro pobrense consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crear a súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado.

E, finalmente, achegáronse ata a Casa da Mocidade que se estrutura nunha ampla área multiusos (con escenario, equipamento de son, pantalla, proxector e mobiliario), nunha sala de traballo (dotada de mesas, ordenadores portátiles e unha pantalla táctil), e en dous obradoiros que forman parte do FabLab.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...