O Conservatorio de Ribeira acolleu dous concertos da Aula Galega de Saxofón

A última fin de semana de marzo acolleu en Ribeira, no Conservatorio de Música Profesional Enrique Paisal, un novo encontro da Aula Galega de Saxofón que ofreceu dous concertos. Neles participaron tanto o alumnado como o profesorado da Aula Galega de Saxofón.

Catorce alumnos e alumnas de Ribeira e doutros lugares como Ribadumia, Pontevedra, Santiago, Sanxenxo, Meaño, Merza, Piloño e incluso Madrid así como o profesor do conservatorio ribeirense e coordinador da actividade José Fungueiriño, participaron en ditos concertos.

Estas actuacións puideron seguirse, ademais de en directo, en streaming a través da canle de Youtube do conservatorio. Amais, poden volver verse en calquera momento xa que quedan permanentemente en dita canle.

Cada un deses concertos foi pechado coa intervención do profesor titular da Aula Xabier Casal (Conservatorio Superior das Illas Baleares) e da pianista Hilomi Sakaguchi (Conservatorio Jaques Thibaud de Burdeos).