O Concello de Boiro, a través da Concellería de Servizos Sociais, anunciou a recuperación dos tíckets de transporte para “que as persoas en situación de exclusión social poidan facer uso do transporte público”. A solicitude dos bonos debe tramitarse a través dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Boiro.
“Dende o departamento detectouse que había moitos usuarios que precisaban desprazarse pola comarca e carecían de medios económicos, polo que decidimos adquirir bonos transporte para esas persoas usuarias que os necesiten”, sinalou o concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, engadindo que “son moitas as persoas de Boiro que precisan facer uso do transporte para o hospital ou oficinas da Seguridade Social”.
As veciñas e veciños que empreguen estes bonos deben cumprir “cunha serie de requisitos” e, para a súa concesión, cómpre achegar un informe da traballadora social que acredite o nivel de ingresos. “Dende o departamento de Servizos Sociais traballamos para implementar melloras que redunden positivamente no benestar dos boirenses”, engadiu o edil.