O colectivo Noia Limpa e ADEGA organizan este sábado 19 de marzo unha limpeza de praias no areal de río Sieira, en Porto do Son, que ademais terá unha especial protagonista, a píllara das dunas, un paxaro que segundo lembran as dúas entidades “atópase en tempada de reprodución”, polo que cómpre “ter especial coidado se acudimos ás praias nas que aniña, xa que se considera que en Galicia está en perigo de extinción debido á alteración do seu hábitat”. Lembran tamén que a píllara reprodúcese en praias, dunas, lagoas e zonas de pouca vexetación, nos meses de primavera e inicio do verán.
A saída de limpeza comezará ás 11 horas e o punto de encontro é a Escola de Surf As Furnas. Antes da saída haberá unha charla sobre a píllara das dunas por parte dun axente medio ambiental e, a continuación, outra pequena charla sobre limpezas ecolóxicas e onde depositar o lixo posteriormente por parte dunha representante de ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.
Despois realizarase a limpeza propiamente dita e á finalización, farase un pesado de lixo e as conclusións que se tiren da limpeza.
Aínda que a protección meteorolóxica é de sol con nubes, Noia Limpa e ADEGA recomendan “levar roupa de abrigo por se fixera vento, prendas cómodas, unha gorra, protección solar e unha cantimplora para a auga”. Tamén é aconsellábel levar prismáticos e cámara de fotos.
As entidades pregan aos participantes na saída que eviten o uso de perfumes e colonias, xa que poden acudir á actividade persoas voluntarias que padecen Sensibilidade Química Múltiple (SQM).
Na saída poden participar un máximo de 25 persoas.
A empresa Noroeste, de roupa sustentábel, participará tamén na actividade.
Organizan a saída o colectivo Noia Limpa e ADEGA, coa colaboración do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza a través do programa O lixo desde o teu concello.
Esta saída tamén forma parte da Ocean Initiatives da ONG Surfrider, que colaboran co envío de material para a limpeza de praias.
