Na Pobra o Concello convoca novamente o seu curso de monitoras/es de tempo de libre

A Concello da Pobra oferta a segunda edición do curso de monitoras/os de ocio e tempo libre. Farao por segundo ano consecutivo, da man da Concellaría do Desenvolvemento Local que dirixe Amparo Cerecedo (BNG), que deu a coñecer este luns 28 os detalles da actividade xunto coa orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, e o axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez. Cerecedo dixo que “volvemos apostar por esta formación debido a que na pasada convocatoria contouse con moita participación”. Ademais, adiantou que a pretensión é “solicitar un certificado de profesionalidade sobre esta materia, cuestión sobre a cal xa se está traballando”.

350 horas na Casa da Mocidade

O curso consta dun total de 350 horas lectivas, con parte teórica e práctica, na categoría semipresencial. As clases impartiranse do día 23 de abril ao 23 de xullo e a modalidade presencial transcorrerá nos sábados, en horario de 09.00 a 19.00 horas, na Casa da Mocidade.

A tarifa xeral é de 200 euros por alumna/o maila taxa de expedición do título e establécese unha serie de bonificacións acumulativas de 50 euros por distintas circunstancias: situación de desemprego, matrícula nunha titulación oficial, posesión do certificado de discapacidade, situación de risco ou exclusión social e realización do período de prácticas en actividades municipais.

Requirimentos

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos e as solicitudes de participación presentaranse no rexistro do Concello, tanto físico coma telemático. Amais, deberase achegar unha copia do DNI, do pasaporte ou do documento de identificación equivalente e acreditativo da nacionalidade da persoa aspirante; o título de graduada/o na ESO, o graduado/a escolar ou equivalente; o xustificante de pagamento do curso; e a documentación precisa para xustificar o acceso a cada unha das bonificacións.

O prazo para se anotar esténdese dende o día 29 de marzo ao 4 de abril, ambos inclusive. Estipúlase un máximo de 20 prazas que se cubrirán pola orde de entrada. A superación deste curso posibilitará acceder á formación de acompañante de transporte escolar e manipulación de alimentos.

Máis información no teléfono de contacto 981 377 610.