
A Pobra do Caramiñal volta a render tributo á figura e legado literario de Ramón del Valle-Inclán coa celebración da 28ª edición das súas tradicionais xornadas de homenaxe. A iniciativa, promovida polo Museo Valle-Inclán e o Concello da Pobra en colaboración con diversas institucións, ofrece unha ducia de citas culturais de balde e abertas a todos os públicos que abranguen desde artes escénicas ata citas académicas e divulgativas. Esta edición ten como eixo destacado o centenario da publicación de Tirano Banderas (1926), novela escrita na propia vila pobrense.
A programación abrirase o venres 16 de outubro ás 20:00 horas no centro de estudos do Museo Valle-Inclán coa presentación do número 4 da Revista Foro Galicia e Valle-Inclán, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. O sábado 17 haberá dobre cita escénica: ás 12:30 horas Títeres Alakran levará a peza de rúa A Rosa de Papel ao Cantón da Leña, Rúa do Extremo e Alameda; pola tarde, ás 20:00 horas, o Teatro Elma acollerá a posta en escena de Luces de Bohemia pola compañía madrileña Tirinto & Co.. A fin de semana pecharase o domingo 18 cun roteiro guiado en autobús pola Serra do Barbanza sobre o patrimonio cultural e os escenarios que inspiraron ao escritor, conducido por Sara Barbazán Domínguez, con saída ás 11:00 horas e inscrición previa no museo.
A vertente académica continuará o mércores 21 de outubro ás 20:00 horas no centro de estudos do museo coa conferencia «…Pazo es. Una poética del espacio aplicada a la arquitectura pacega a través de la literatura», que impartirá Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da USC.
Para a seguinte fin de semana, o sábado 24 de outubro ás 12:30 horas presentarase a edición facsímile de Sonata de Otoño (Editorial Alvarellos, con prólogo de Xaquín del Valle-Inclán), mentres que ás 20:00 horas proxectarase no Teatro Elma a adaptación cinematográfica de Tirano Banderas dirixida en 1993 por José Luis García Sánchez. O domingo 25, ás 20:00 horas tamén no Elma, Teatro En Punto estreará Josefina máis eu, montaxe dirixida por Gloria Rico Galán a partir de textos de Margarita Nelken e Carmen de Burgos sobre a vida de Josefina Blanco.
Os centros educativos terán o seu propio espazo os días 27 e 28 de outubro ás 11:30 horas, cando Teatro Cachirulo achegue a adaptación de monicreques de Tirano Banderas ao alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras e do CEP Pilar Maestú Sierra, respectivamente.
O venres 30 de outubro terá lugar a xornada central en lembranza do nacemento do autor. Desde as 12:30 horas haberá unha ruada musical tradicional polo centro da vila co grupo GMT Caraveiros, que culminará ás 13:00 horas coa tradicional ofrenda cívica ante o monumento a Valle-Inclán no Cantón da Leña. O broche final ás xornadas chegará o sábado 31 de outubro no Teatro Elma (20:00 horas) da man de Noitebras Teatro, que representará a peza Retablo do Esperpento, adaptando as obras Ligazón e A rosa de papel.




