O Museo do Gravado de Artes vai celebrar a vindeira fin de semana o Encontro de Creadores e Creadoras do Barbanza, BarantiaRte VIII. Será en dúas quendas: o venres 11 de marzo ás 20.30 horas, incluíndo o acto de apertura da exposición e a presentación do catálogo, e o sábado 12 de marzo, ás 12.30 horas, incluíndo unha mesa redonda sobre o legado de Isaac Díaz Pardo. As dúas actividades desenvolveranse no Museo do Gravado de Artes (Ribeira).

O Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza abrangue as exposicións BarbantiaRte VIII (salas 0 e 1) e Unha manda de pezas para Isaac Díaz Pardo de Xente do Barbanza (sala 2), que se poderán visitar no Museo do Gravado de Artes entre o 11 de marzo e o 4 de maio de 2021.
A inauguración das mostras e presentación do catálogo terá lugar o venres 11 de marzo, ás 20.30 h e o sábado 12 de marzo ao mediodía, como dixemos, celebrarase unha mesa redonda con distintas personalidades do ámbito da arte e da cultura sobre a figura de Isaac Díaz Pardo.
Nesta exposición participan 100 artistas de toda a comarca do Barbanza repartidos en 3 salas. Hai unha sala dedicada en homenaxe a Isaac Díaz Pardo onde se recollen as obras que distintos artistas do Barbanza fixeron durante os anos 2020 e 2021 e que nunca se expuxeron ao público. Nesta sala poderán verse os debuxos do libro Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de Xente do seu rueiro (1956) propiedade do Museo do Gravado así como as distintas obras de artistas como Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García Paz, Xosé Luís Veiras Manteiga, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira ou Soledad Penalta, entre outros.
A colaboración entre o Concello de Ribeira, Museo do Gravado de Artes e a a A. C. Barbantia creou a mostra BarbantiaRte coa intención de “amosar aos habitantes da península do Barbanza a riqueza e o pulo dos seus artistas en todas as disciplinas das artes: pintura, escultura, gravado, esmalte, fotografía, vídeo-creación…”. Trátase dunha panorámica variada, con preto de cen expositores.
Os obxectivos deste encontro foron “consolidar unha mostra artística, agora bianual, que permite admirar o labor máis recente dos e das artistas, a súa pluralidade de visións, a forza da súa expresividade, da súa creatividade”, en palabras da dirección do Museo do Gravado, que engade que o encontro “é un fito xa na bisbarra, achegándonos ocasión de reunir artistas e público nunha festa das artes”. Amais, a edición dos catálogos correspondentes “permite gardar memoria do noso depósito artístico, das tendencias da arte, do labor das nosas creadoras e creadores, da súa evolución”.