
“Morrer morre calquera. O caso é que te enterren”, dicíame este sábado un veterano armador e patrón após o acto no que as primeiras autoridades de España tributaron homenaxe aos mortos no naufraxio en augas de Terranova do arrastreiro de Marín “Villa de Pitanxo”.
Porque unha das circunstancias vividas -a da morte- queda para sempre nos interiores de cada un dos familiares e amigos das vítimas desta traxedia marítima que marca a lume a historia pesqueira de Galicia ao mesmo tempo que esta historia segue sen pechar por algo que tantas veces se comenta: non apareceron os tripulantes perdidos. E se ben a inmensa maioría dan por seguro que permanecen no interior do buque afundido, só as autoridades consideran practicamente pechada a historia tantas veces repetida.
As familias dos mortos desaparecidos queren para estes o que as dos recuperados tiveron a oportunidade de lles dar aos seus: un enterro, que é o que tamén demandaba o sábado o devandito patrón e armador.
Máis aló vai a organización AETINAPE de titulados náutico pesqueiros que, nun comunicado dado a coñecer o mesmo sábado, sinala que sendo un xesto humanitario a expresión de pesar polo acontecido, “buscar solución para que non volva suceder é unha necesidade, unha obriga”.
A celebración do funeral polos finados do “Villa de Pitanxo” supón para AETINAPE, “unha lembranza simbólica ao máximo nivel para honrar a vida dos tripulantes que faleceron” e, polo tanto, resulta moi necesario, engade. “Pero esta liturxia non debe facer esquecer outra tanta ou máis necesaria homenaxe ás vítimas : as reformas normativas a practicar para tratar de minimizar os riscos no mar”.
O necesario e sincero aceno colectivo de celebrar un funeral ten o risco, para os titulados náutico-pesqueiros , de se converter “nunha arma propagandística dos gobernos, algo que ocorre se non vai acompañado de accións derivadas das leccións aprendidas no terrible suceso”.
Fai fincapé AETINAPE en que “por moi lenta que sexa a burocracia, as autoridades están a tardar en iniciar fórmulas -tanto de presión como de execución- en torno a mellorar as normativas de prevención da seguridade marítima e do traballo a bordo”.
A máis das medidas directas que AETINAPE reclamara no seu día, propón que se tome nota de cantas circunstancias arrodearon o caso, cuestión que debe abordar a Comisión Permanente de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) organismo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Deste xeito lembra que “tal e como fixemos público no seu momento, as autoridades deberían acometer importantes modificacións”, entre as que cita as condicións a partir das que un buque ten a obriga de deixar de faenar e quedarse á capa, á hora de establecer os límites do risco estremo”, medida estas que xa adoptaron vai tempo os países nórdicos.
A obriga de incorporar aos buques ramplas de guillotina -como acontece en Francia e outros países da UE- “lograría tamén condicións de maior seguridade”, afirma o órgano colexial náutico-pesqueiro, que cita asímesmo aos barcos, especialmente aos que faenan en zonas altamente perigosas, sinalando que deberían navegar con equipamentos tecnolóxicos punteiros”, e apunta á dotación de botes de rescate insubmerxibles (autoadrizables), demandando tamén a homologacións de traxes de supervivencia “que permitan realizar a faena de cuberta con normalidade e que sexa intrinsecamente illante, insubmerxible e dotado de radiobaliza persoal de localización, tal e como ocorre cos chaleques salvavidas.
Este tipo de indumentaria permite que, en caso de caeren ao mar, a temperatura do seu corpo non descenda máis de dous graos centígrados após seis horas na auga, e permite traballar a bordo con operatividade.
Estas indicacións de AETINAPE poden obrigar tamén a unha reformulación das condicións de traballo tanto a bordo do “Villa de Pitanxo” no momento do seu afundimento, como as qwue se producen en moitos dos buques que desenvolven as súas tarefas de pesca en circunstancias semellantes ás que se daban daquela.