Amicos celebrará o Día Mundial do Autismo en estreita colaboración coas asociacións de empresarios do Barbanza

24 Marzo 2022

A Asociación Amicos presentou este 24 de marzo o programa de actividades que levará a cabo para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra o vindeiro sábado 2 de abril. Amicos contará coa colaboración das asociacións de empresarios de Boiro (ABE), Ribeira, Porto do Son, Rianxo (ARE), Pobra, Noia (Noia Histórica) e, tamén, da Asociación Somos Rianxo. A entidade comarcal de persoas con diversidades funcionais sinalou nesta edición retómase a iniciativa de decorar os escaparates dos comercios e negocios locais de azul e da utilización de pictogramas para identificar o tipo de comercio. “Desta maneira, trátase de crear contornas máis accesíbeis para conseguir a inclusión en todos os ámbitos da sociedade”, sinalan dende Amicos.

Porén, haberá novidades. Por exemplo a realización dun sorteo para incentivar a compra no comercio local. A través desta iniciativa, todas aquelas persoas que merquen produtos e servizos nos establecementos de Boiro, Ribeira, Pobra, e Rianxo, entre o 24 de marzo e o 2 de abril, entrarán nun sorteo de 5 vales por valor de 50 euros proporcionados pola asociación de empresarios de cada concello. O premio deberá gastarse nos comercios adheridos ás patronais de Boiro, Ribeira, Rianxo, Pobra e Somos Rianxo.

Para participar no sorteo, ademais de mercar nos locais de proximidade, as persoas participantes deberán enviar o tícket de compra e co seu nome completo, teléfono e email a seguinte dirección de correo electrónico: diadoautismo@amicos.org.

Por outra parte, os comercios que mellor adobíen e iluminen de azul a súa tenda participarán de forma gratuíta no calendario solidario 2023 de Amicos. A asociación advirte á cidadanía que é “moi importante” compartir as fotos a través do teléfono 697 41 91 10 ou etiquetando a Amicos en redes sociais.

Alfonso Pérez, residente do Fogar Amicos agradeceu a colaboración da asociación de empresarios e animou a comerciantes, colexios e concellos a decorar de azul para visibilizar o autismo. Asemade, Pilar Sampedro, responsábel de Atención Integral Amicos, fixo o seguinte chamamento: “Pedimos á comunidade que apoie a estas persoas con estas pequenas accións”. Explicou tamén que os colexios, ademais de decorar de azul, tamén poden enviar unha mensaxe mostrando o que é para eles unha viaxe feliz pola vida “dando renda solta a súa imaxinación”. E engadiu: “Todas aquelas persoas que queiran colaborar tamén poden enviar a través das nosas redes sociais o que sería para elas unha feliz viaxe pola vida”, xa que é o lema da campaña do Autismo España deste ano.

Pola súa banda, Manuel Tomé, presidente da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal comprometeuse a formar “parte activa para que este proxecto se manteña no tempo”, polo que asegurou que faría un chamamento a todos os comerciantes do concello para participar.

Rematou as intervencións Xoan España, director xeral de Amicos: “O obxectivo da campaña é amosar que na sociedade na que vivimos existen persoas que teñen necesidades especiais e diferentes” e “que esa diversidade fainos máis ricos porque eles poden aportar moitos dos valores que precisamos”. Rematou a intervención destacando a importancia da campaña para a “transformación da sociedade” e recalcando “o valor da cidadanía compartida”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.