A USC e o Concello de Noia recuncan cos novos obradoiros para persoas maiores do programa Camiños de Coñecemento

O Concello de Noia volve colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro dunha nova edición do programa Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento, unha iniciativa gratuíta de formación universitaria dirixida a maiores de 50 anos que se desenvolve en varios territorios da nosa comarca, incluída Noia.

A concelleira de Eventos, Beatriz Rosende, explicou que hai 25 prazas dispoñíbeis e que o programa levarase a cabo no Edificio Administrativo do Matadoiro, no Espírito Santo. Tamén fixo saber que o prazo de inscrición está aberto ata o 30 de marzo e que a axenda de cursos inclúe as seguintes actividades formativas e dinamizadoras para a poboación sénior local: Seminario sobre Contribucións e ocio ao envellecemento activo (o día 31 de marzo en horario de tarde), o Seminario Pandemias ao longo da vida (o día 4 de abril pola tarde), o Seminario A COVID-19: evolución e situación actual. Que nos agarda? (o día 5 de abril en horario de 16.30 a 18.00 horas), o Obradoiro práctica de análise do envellecemento activo a través do ocio (o día 6 de abril pola tarde) e a Sesión Práctica A herdanza en Galicia (o día 11 de abril pola tarde e, tamén, o día 13 de abril no mesmo horario de 16.30 a 18.00 horas).