Este sábado, día 12 de marzo, presentarase na Serra de Outes o novo libro da escritora vimiancesa Natalia Lema Otero, Do amor e o delirio. A cita será ás 19.00 horas na Casa da Cultura. A autora estará acompañada polo xornalista Xusto López Carril (Radio Galega) e polo escritor local e secretario da Asociación Cultural Terra de Outes, Ramón Blanco Fernández.

O poemario Do amor e o delirio foi recentemente presentado na Casa da Cultura da vila natal de Natalia Lema, Vimianzo, onde explicou que se trata dunha obra integrada por vinte poemas de amor nas súas máis diversas manifestacións, “dende o amor platónico até o correspondido”, pasando pola ampla paleta de variacións e vertentes que fica entremedias. Son, segundo explicou, poemas que foron xurdindo durante o confinamento e que se enriquecen coas ilustracións da propia autora, cunha portada do artista Manu Sandomingo e cun prólogo do xornalista muxián Xusto López Carril, no que resume deste xeito a cerna do libro: “Hai unha formidable delicadeza que navega por toda a obra, onde se describen agonías, mais tamén momentos de calma como a sucesión das estacións, a mirada serena e a saudade dos tempos que foron na casa dos avós, a elipse sobre a inmigración”.