O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañados polo director do Distrito Sanitario da Barbanza, Salvador Mariño, visitaron este martes 29 de marzo o Hospital do Barbanza, onde anunciaron a licitación do novo equipamento para a área de endoscopia dixestiva. Segundo dixeron, esta adquisición conta cun orzamento de mais 428.000 euros e un prazo de entrega, desde a sinatura do contrato, de 30 días. Por certo que os 3 lotes licitados inclúen un sistema de endoscopia dixestiva, un bisturí eléctrico dixestivo e monitores de parámetros fisiolóxicos básicos.

Tamén engadiron que gran parte do contrato é susceptíbel de financiamento ao 100% da Unión Europea no marco do eixo React-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Trenor destacou que “as obras nos espazos que acollerán a nova unidade de endoscopias do centro están en execución” e que “coa licitación do equipamento que vimos de anunciar dáse un paso máis para que tan axiña como rematen as obras esta unidade estea lista para a súa posta en funcionamento”.
O investimento en tecnoloxía vense sumar ao custe das obras, de arredor de 200.000 euros, que se dirixe a achegar “unha mellora na calidade e confortabilidade desa área”, así como “á modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para os profesionais”. Pasará a ocupar preto de 130 metros cadrados.
Trenor engadiu que estas melloras véñense sumar ás recentes obras acometidas no servizo de Urxencias no Hospital do Barbanza, que supuxeron un incremento dun 40 % da súa superficie grazas a un investimento de 1.7 millóns de euros.
