A Pobra do Caramiñal acolleu este 23 de marzo a presentación da terceira edición da Bandeira de Bateis Concello da Pobra, feminina e masculina. Disputarase o 27 de marzo da man do Club Remo Puebla, co patrocinio do Concello e a colaboración da Protección Civil pobrense e da Federación Galega de Remo.
Segundo informou o Concello, a regata iniciarase ás 11.00 horas nas inmediacións da dársena do porto comercial e reunirá á maioría de clubs da zona norte de Galicia, “polo que se agarda unha participación elevada”.
As bandeiras recaerán nos clubs en categoría feminina e masculina que logren maior puntuación.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), destacaron os resultados acadados polo club pobrense e tamén lle trasladaron á entidade os seus parabéns pola súa capacidade organizativa neste tipo de citas deportivas.
Pola súa parte, Adrián González e Marta Bermo, en representación do Club Remo Puebla, salientaron que contan cunha canteira de bateis “moi importante”, ademais de que esta entidade deportiva conta cada vez con máis remeiras, polo hai representación feminina en case tódalas modalidades, agás na cadete.
O evento seguirase dando cumprimento ao protocolo establecido por mor da COVID-19.
