A ABE retoma os seus almorzos cunha charla sobre os prezos da luz e os xeitos que temos de aforrar

A Asociación Boirense de Empresarios anunciou esta semana o regreso dos seus almorzos empresariais, o programa de xornadas formativas da patronal que tivo que ser interrompido pola pandemia co obxectivo de manter a seguridade ante a COVID. Agora, tras dous anos de parón obrigado, os almorzos retornan cunha xornada centrada nunha cuestión de actualidade que provoca a máxima preocupación en empresas e fogares: a alza dos prezos da enerxía. Concretamente a cita xirará arredor dos cambios que se aveciñan no mercado eléctrico e como aforrar na factura.

Dende 2019

A ABE lembra que este formato de charla empresarial sobre temas de actualidade púxose en marcha por primeira vez no ano 2019 e polo mesmo pasaron relatores do nivel de Eduardo García Erquiaga, director xeral de Galicia Business School, Diego Alvela, director de negocio TPV e ecommerce de Banco Sabadell ou Adolfo Campos, director de INADE e da Fundación INADE.

Desta volta, a temática tamén vai ligada a máxima actualidade e contarase coa presenza do consultor enerxético Diego Carnés, que é delegado de Grupo ae2000 e que falará en Boiro sobre Os cambios que se aveciñan no mercado eléctrico e como aforrar na factura. Trataranse cuestións como as transformacións que se produciron na poxa dos prezos e como estes trasladáronse ás facturas, ou se nos convén contratar un prezo fixo ou indexado.

O formato será de almorzo de traballo que se inicia cunha charla de 45 minutos e despois os asistentes poderán facer preguntas e compartir un café co relator e resto de convidados.

O almorzo terá lugar o vindeiro xoves 24 de marzo ás 9:00 horas no salón de actos da ABE, a inscrición é gratuíta e inclúe almorzo, iso si, as prazas son limitadas e asígnanse por orde de reserva a través do correo info@abe.gal ou no 981 84 78 88