Un excelente Rotogal Boiro Voleibol espreme ao Unicaja Almería nunha heroica despedida á Copa do Rei

Miguel Álvarez.- Vibrante espectáculo o que o Rotogal Boiro Voleibol e o Unicaja Almería brindaron en cuartos de final da Copa do Rei. Os da Cachada infrinxiron un extremo sufrimento ao líder da Superliga, que se viu obrigado a remontar dous sets en contra para acceder á rolda de semifinais. Os da Cachada rozaron a proeza, pero non puideron rematar a un adversario de enorme potencial e eficacia (3-2).

O Unicaja Almería entrou á pista con moitos bríos. O acerto no saque de Juanmi González-Limón, sumado aos erros dos boirenses, brindou unha importante vantaxe aos andaluces nos primeiros minutos (7-2). Con todo, o Rotogal Boiro Voleibol non veu abaixo. Foi mellorando no saque e en defensa para, cunha gran alegría ofensiva, voltear o marcador mediada a primeira manga (14-15). José Carlos Romero e Felipe Benavídez asumiron o protagonismo ofensivo dos da Cachada, guiados por un elevado Gaspar Bitar, para sementar de dúbidas ao actual líder da Superliga (18-22). Os de Marcelo Benavídez aproveitaron a súa segunda bóla de set e, cun remate de Romero, anotáronse a primeira manga (23-25).

O Rotogal Boiro Voleibol mostrou un nivel competitivo excepcional no segundo parcial, cando mantivo o tipo a pesar dos esforzos de Unicaja Almería por tomar as rendas do choque. Kukartsev e Jorge Fernández castigaron a defensa do conxunto galego, pero a súa achega foi insuficiente. Os da Cachada realizaron un set estratosférico, con momentos nos que rozaron a perfección tanto en defensa como en ataque. E, na segunda oportunidade, unha pipe de Felipe Benavídez finiquitou a manga a favor dos boirenses (23-25).

A dinámica do encontro cambiou no terceiro set. O Rotogal Boiro Voleibol aguantou o tipo até a metade da manga, momento en que a inspiración de Unicaja Almería marcou as diferenzas ante un conxunto da Cachada que rexistrou un baixón e acumulou erros en todas as facetas do xogo. Os andaluces despachárono con comodidade (25-18).

O Unicaja Almería desatou todo o seu potencial no arranque do cuarto parcial, cando elevou o rendemento no bloqueo-defensa (7-2). Con todo, o Rotogal Boiro Voleibol non se descompuxo e recortou as diferenzas impulsado pola lectura de xogo de Gaspar Bitar (9-8). No entanto, os andaluces minimizaron os erros e enviaron o encontro ao tie break (25-20).

Os dous rivais empregáronse cun enorme acerto nun trepidante quinto set. Con todo, o Unicaja Almería ofreceu unha enorme contundencia ofensiva para tomar unha vantaxe que lles permitiu gozar de tres bólas de partido. O Rotogal Boiro Voleibol salvou as dúas primeiras, pero un erro no

saque de Felipe Benavídez finiquitou a contenda (15-13).

Resultados de cuartos de final

Melilla Sport Capital, 3-Río Duero Soria, 0.

Guaguas, 1-Feníe Energía Mallorca, 3.

Conectabalear Manacor, 3-Teruel, 1.

Unicaja Almería, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 2.