Este 23 de febreiro presentouse en Santiago a que é, segundo os responsábeis da súa publicación, “a biografía máis completa de Castelao”, un proxecto monumental que recolle todo o material que estaba en mans privadas sobre o autor de Sempre en Galiza, e que até o de agora ficaba oculto para o pobo galego. Trátase de Castelao. Construtor da nación (tomo II 1931-1939 e tomo III 1940-1950). No acto, celebrado no Museo do Pobo Galego, participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Miguel Anxo Seixas Seoane, autor da publicación, Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago, Francisco Castro, director da Editorial Galaxia e Xusto Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Trala edición desta ambiciosa obra en tres tomos atópanse o Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia. O primeiro volume, que abrangue de 1886 a 1930, presentouse en 2019. Este mércores déronse a coñecer os outros dous (de 1931 a 1939 e de 1940 a 1950).
Nesta ampla biografía, que suma un total de 3.919 páxinas, recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.
Trátase “dunha biografía monumental concibida polo historiador Miguel Anxo Seixas como un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época”, explican o Consorcio de Santiago e máis Galaxia, engadindo que os libros ilústranse con fotografías que mostran diferentes momentos da traxectoria de “quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega”, o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Case 4.000 páxinas
A biografía, que suma un total de 3.919 páxinas, recolle a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.
Na presentación fíxose saber que este conxunto de publicacións “é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao”. Isto materialízase nun compendio de todo o coñecido arredor do autor de Sempre en Galiza pero tamén nun número inxente de descubrimentos sobre a súa vida e a súa obra, con múltiples aspectos ignorados ou esquecidos de Castelao.

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida”, indicou.
Tal como resalta o historiador, “Castelao achegounos o pobo en imaxes e en letras; os seus debuxos son o maior repertorio gráfico para ilustrar a nosa historia contemporánea. Foi protagonista político para que Galicia conseguise o Estatuto de Autonomía. E co tempo foi escollido polo pobo como un dos símbolos de Galicia”. E engadiu: “El creou unha poderosa imaxe de Galicia, unha imaxe que nos doou e que sobreviviu, e que cómpre analizar con rigorosidade. Pero a nós interésanos Castelao na súa integridade e na complexidade das súas relacións”. Seixas explicou tamén que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami. Ademais, o autor entrevistou a persoas que coñeceron ao rianxeiro ou a súa obra como Lois Tobío, Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Perfecto López Romero, Iris Canabal, Nelly Crestar…

No primeiro volume, que ía de 1886 a 1930, recollíanse as orixes da súa familia, o seu nacemento, a realización do Bacharelato en Compostela, os seus estudos de Medicina, os seus primeiros encontros coa pintura, a escritura e a ilustración, a súa vida política, as viaxes ou a morte do seu fillo, entre outras vivencias. O segundo volume (1931-1939) céntrase nos anos da Segunda República e a Guerra Civil, debullando a súa intensa vida política á fronte do Partido Galeguista. O terceiro tomo relata a súa historia desde 1940, o seu exilio en Arxentina, o seu labor político e cultural, o remate de Sempre en Galiza… ata o seu falecemento en 1950.
Investigador da figura de Castelao
Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. É padroeiro da Fundación Castelao dende 1984 e na actualidade é ademais o seu presidente. A finais de 1999 foi escollido pola Fundación Caixa Galicia como comisario para facer unha exposición sobre Castelao en 2000. Entre novembro de 2008 e novembro de 2009 dirixiu a catalogación da súa obra artística. Foi comisario da exposición Castelao maxistral na Cidade da Cultura. Ten publicados varios libros sobre o rianxeiro como Castelao, pintor (2006) ou a obra colectiva Para ler a Castelao I e II (2000).
