Presentada a sétima edición de Os 100 do Barbanza: a máis esixente de cantas se teñen realizado

A Casa da Cultura Santeiros de Chave, en Portobravo (Lousame), acolleu este mércores 23 a presentación da sétima edición da proba Os 100 do Barbanza, un dos grandes eventos deportivos da tempada, non só a nivel comarcal, senón tamén galego e estatal. Xuntando forzas para achegar o máximo impulso a este acontecemento estarán, novamente, os sete concellos da península do Barbanza: Lousame, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son, entidades ás que se suma a Mancomunidade Barbanza Arousa. Os alcaldes de todos os municipios participaron este mércores na presentación, arroupando á directiva do Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar, organizador do evento.

Segundo explicaron, Os 100 dos International Trekkers é a primeira proba de Ultrafondo de Galicia, que chegará, os días 25 e 26 de xuño de 2022, á súa sétima edición, tendo nesta xeira ao concello de Lousame como anfitrión.

Tamén puxeron o foco no feito que esta sétima edición está chamada a ser a máis esixente das realizadas até agora, amais de constituír “un referente na ultradistancia a nivel galego”.

O desafío consiste en camiñar ou correr un percorrido sinalizado e balizado de 100 quilómetros por sendeiros, camiños, pistas e corredoiras polos sete concellos do Barbanza en menos de 24 horas. Os participantes, camiñantes ou corredores só fan breves paradas nos avituallamentos, polo que están en marcha de continuo.

Trátase como dixemos da sétima edición da proba, logo das convocatorias de 2014 co concello de Boiro como anfitrión, a do 2015 no de Rianxo, no 2016 na Pobra do Caramiñal, no 2017 en Noia, no 2018 en Ribeira, e no 2019 no Porto do Son. Por mor da situación sanitaria non se celebrou nos anos 2020 e 2021 . Nas últimas edicións participaron case 300 persoas e remataron un 80% delas, “o que amosa o nivel de desafío que supón esta proba, unha das más duras do circuíto galego e español”, explicaron dende o Club Trekkers Barbanza Sar, engadindo que a subida acumulada desta edición é de 3.000 metros, o que dá unha idea da rigorosidade e esixencia desta convocatoria. A previsión é de que os primeiros corredores cheguen a meta nun tempo de arredor de 12 horas. Porén, o club pon o foco no feito de que o que fai especial esta experiencia é que non se trata dun evento competitivo: “O máximo prezo está en chegar, e é unha competición contra un mesmo”.

Na presentación tamén se informou de que haberá 10 avituallamentos ao longo dos 100 quilómetros previstos, cun xantar entre participantes e voluntarios á chegada.

Amais, no acto deste mércores fíxose fincapé no feito de que se trata dun evento concibido para percorrer lugares senlleiros da xeografía do Barbanza e “poñer así en valor os atractivos turísticos da comarca, dende castros, como o de Baroña, o Barbudo ou os Castelos de Vitres, petróglifos coma a Pedra da Serpe en Bealo, ou miradoiros como A Muralla, A Curota ou o miradoiro de Valle Inclán, pasando por praias emblemáticas como a da Aguieira ou a de Baroña”. Os corredores tamén reivindicarán coa súa presenza lugares de interese cultural, como a antiga Fábrica de Papel de Domingo Fontán, o Curro das Canizadas, a Igrexa de San Vicente de Noal e “sen esquecernos das mostras da arquitectura tradicional do Barbanza: 43 cruceiros, 3 pasais, e 75 hórreos de 23 parroquias nos 7 concellos”.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro día 28 de febreiro, aínda que se prevé que, como todos os anos, a iniciativa xere un grande interese en todos os practicantes da ultradistancia, e que procedan non só dos concellos do Barbanza, senón tamén de todos os recunchos de Galicia e España e mesmo doutros países. Historicamente participan entre 70 e 80 persoas dos concellos do Barbanza, uns 150 do resto de Galicia, 40 doutras autonomías españolas e entre 10 e 20 doutros países. O límite de persoas inscritas, por motivos de organización é de 300 participantes, e o custe da inscrición é de 55€ ata fin de abril, e logo pasará a ser de 75€.

A proba está organizada polo histórico Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar e colaboran os sete concellos do Barbanza, así como a mancomunidade Arousa Norte.

Máis información e inscricións na web dos Trekkers e na súa páxina do Facebook.