Os encontros municipais Un café co alcalde chegan este venres ao Centro Social de Escarabote


O Concello de Boiro celebra este venres a actividade Un café co alcalde en Escarabote. Será novamente un encontro coa veciñanza para recadar as demandas e as necesidades da veciñanza. Celebrarase o venres 4 de febreiro ás 18.00 horas no Centro Social de Escarabote.

Segundo lembra o Concello, estas xuntanzas co rexedor José Ramón Romero comezaron a facerse no ano 2020 pero “tiveron que cancelarse por mor da situación sanitaria derivada da COVID-19 e retomáronse co encontro en Abanqueiro”. O obxectivo, engaden dende o Consistorio, “é que se poidan realizar de xeito periódico nos distintos núcleos de poboación e que os veciños e veciñas da zona se acheguen para a posta en común das necesidades conxuntas da veciñanza de cada lugar”.

Con estas actividades o que se pretende é “ter un contacto máis directo coa cidadanía” e “dar a oportunidade aos veciños e veciñas de que transmitan as súas peticións e demandas”. En última instancia búscase “activar un tipo de participación bidireccional que sexa útil para a cidadanía e para a administración”.

O próximo encontro co alcalde e os concelleiros e concelleiras será este venres ás 18.00 horas no Centro Social de Escarabote.