O Rotogal Boiro Voleibol quere subir ao tren pola sétima posición ante o Conectabalear Manacor


M. A.- O maratón para pórse ao día cos partidos aprazados empeza a tomar forma para o Rotogal Boiro Voleibol, que recibirá este mércores 16 ás 20.00 horas na Cachada ao Conectabalear Manacor. O encontro, correspondente á décimo sexta xornada da Superliga, fóra aprazado o 29 de xaneiro porque varios xogadores do conxunto balear deran positivo por COVID-19.

Os de Marcelo Benavídez son oitavos na táboa con 19 puntos, oito menos que os baleares, que marchan sétimos, pero que xogaron dous partidos máis. Por tanto, para os galegos chega a oportunidade de subirse ao tren que leva á loita polo sétimo posto.

En principio, o Rotogal Boiro Voleibol contará con todos os seus efectivos para medirse co Conectabalear Manacor. Un dos retos dos da Cachada é manter a boa liña dos dous últimos partidos ante Río Duero Soria e Eivissa Ushuaïa para recibir a un adversario que destaca, sobre todo, polo seu poderío no saque. De face ao choque contra os mallorquinos, o técnico Marcelo Benavídez advirte que “será a primeira vez que xoguemos despois de 72 horas. Non estamos afeitos, pero, se seguimos ao nivel que estamos, poderemos xogar de igual a igual ante un rival dos chamados a estar arriba”.

O Conectabalear Manacor é un dos aspirantes a transitar pola zona alta da táboa. Nas súas filas destaca Víctor Méndez, un dos mellores centrais da presente tempada na Superliga. Ademais, está apoiado polo bo labor dos colocadores Miguel Gallego e Sergio Ramírez, así como polo receptor Thiago Vanole.

Precedentes
Tempada 2021-2022
Manacor, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 1
Tempada 2020-2021
Rotogal Boiro Voleibol, 0-Manacor, 3
Manacor, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 1