O Puebla tirou de épica para deixar os tres puntos na casa ante o Xallas (2-1)

Con 10 xogadores toda a segunda metade, así sacou os tres puntos o Puebla na casa fronte ao Xallas. Os de Jesús Mella venceron 2-1 aos de Santa Comba con goles de Juan García e Álex Teira, que lles permiten seguir soñando cos postos de promoción.

O partido viuse condicionado desde o primeiro minuto polo vento e polo traballo defensivo do Xallas. Viturro no 31, baixou un balón e habilitou a Juan García, que volveu a meter como xa é habitual, para poñer o 1-0. Non tardou o Xallas en empatar, cando Falcón anotou un tanto en propia meta ocasionado polo vento. Chegouse co 1-1 ao descanso.

Á volta dos vestiarios todo se complicaría, coa expulsión por dobre cartón amarelo de Xabi no minuto 51. Pero no minuto 86, o capitán pobrense, Álex Teira a balón parado fixo espertar o xúbilo da Alta cun gol que vale os tres puntos e mantén vivos ao Puebla na súa loita pola promoción.

Doutra banda o Boiro non foi capaz de pasar do empate sen goles fronte ao Boimorto. Os de Luis carro volveron a dar mostra da súa falta de eficacia nos últimos metros e deixáronse dous puntos claves para manterse arriba. As ocasións máis claras foron para Adrián Pereira, que nos últimos encontros estaban sendo decisivo. No día de onte fallou unha pena máxima e errou en un man a man. A piques estivo o Boimorto de levarse os tres puntos sen apenas crear perigo en todo o encontro, pero Juan evitou o gol e deixou o reparto de puntos.