O modelista Juan Antonio Varela doa ao Museo Municipal de Ribeira unha réplica do Santa Isabel

O Museo Municipal de Ribeira recibiu na mañá deste 10 de febreiro unha importante incorporación aos seus fondos e súa actividade, moi envorcada en reflectir a historia do concello a través da súa estreita relación co mar ao longo dos séculos. En concreto, recibiu unha maqueta a escala do vapor Santa Isabel, confeccionada polo pobrense Juan Antonio Varela Souto.

O modelista explicou que tardou uns seis meses en construír a maqueta (coa axuda do seu fillo Sergio, presente tamén no acto de doazón) e pensou que o museo ribeirense era o mellor lugar onde podía estar o traballo, concretamente no mesmo andar onde se exhiben outros elementos alusivos ao “Titanic galego”.

Varela Souto ten ás súas costas unha ampla bagaxe como modelista, e leva máis de dúas décadas construíndo todo tipo de réplicas de naves, especialmente galeóns e outros barcos antigos, parte das cales foran exhibidos no Auditorio de Ribeira no marco da feira Artemar 2016.

O alcalde Manuel Ruiz agradeceu esta doazón desinteresada e animou á xente a achegarse ata o museo sito na rúa Galicia para admirar a embarcación e recrearse no gran número de detalles que o compoñen.