O Consello de Pesca de Ribeira apoia o Manifesto de Burela do sector pesqueiro ante os plans de parques eólicos mariños

C

O salón de sesións foi escenario hoxe dunha nova reunión do Consello Local de Pesca a raíz da preocupación expresada polo sector do mar ante o proxecto de instalacións de parques eólicos mariños e de que tales instalacións se poidan levar a cabo sen ter en conta as repercusións sobre a pesca como unha actividade básica para a economía de Galicia e de Ribeira.
Neste senso, o sector do mar piden unha moratoria e rearfírmanse no recollido no manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro do Cantábrica-Noroeste asinado o 4 de novembro do ano pasado, no que sen opoñerse á enerxía eólica mariña esta debe estar condicionada a que os espazos onde se desenvolve non prexudiquen nin alteren a actividade pesqueira.
A este respecto, o Consello aprobou elaborar unha declaración institucional nestes termos que será lida no próximo pleno da Corporación Municipal.
No Consello, que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz, estiveron presentes os patróns maiores de Ribeira e Aguiño, representantes do sector do arrastre e da lonxa de Ribeira e do sindicato Comisións Obreiras, o presidente da Asociación de Empresarios e membros dos distintos grupos políticos municipais.

C