O Concurso de Disfraces e Comparsas do Son repartirá 3.500 euros en premios

A axenda do Entroido en Porto do Son será unha axenda completiña e, malia as adversidades da COVID que aínda se deixa notar e para as cales o Concello fixará un estrito protocolo de seguridade, será tamén para todas a idades e moi diversa. Esta vertente déixase notar en todos os detalles do Concurso de Disfraces e Comparsas de Entroido de Porto do Son que foron presentados estes días polo Concello. O certame, que vén con dúas modalidades (para a rapazada e para os adultos) e un gran acto de culminación das actividades (o Enterro do Felipiño), repartirá máis de 3.500 euros en premios entre as veciñas, veciños e grupos que luzan os mellores disfraces.

O concurso en si mesmo virá en dúas quendas.

A primeira quenda será o 26 de febreiro, sábado, co Concurso Infantil de Disfraces. Establécense tres categorías: individual, parella ou grupo. Está previsto que actúe a Charanga O Santiaguiño de Padrón. Poderá participar a cativada de até 12 anos. O certame infantil desenvolverase na explanada portuaria de Porto do Son a partir das 17.00 horas.

A segunda quenda será a do Concurso de Adultos. Haberá tres categorías: comparsas, grupos e individuais. A saída do desfile está prevista para as 17.000 horas da Casa da Cultura de Porto do Son e até a explanada portuaria. A vertente festivo-musical virá da man de Troula Animación (co espectáculo Psychodelia) e da Charanga O Santiaguiño de Padrón.

As inscricións poden facerse até o 24 de febreiro ás 14.00 horas no Rexistro do Concello ou até as 23.59 horas na sede electrónica www.portodoson.gal.

Os premios en metálico entregaranse ao remate dos dous certames.

As actividades culminarán o 2 de marzo co Enterro do Felipiño. A ruada terá a saída as 19.30 horas da Casa da Cultura de Porto do Son. Percorrerá o viario da vila até o Tendedeiro.