O alumnado de secundaria de Boiro fará un mapa da presenza do radon no termo municipal

O Concello de Boiro deu este 8 de febreiro un paso relevante na loita contra un dos grandes inimigos da nosa saúde, un inimigo invisíbel que, sen embargo, está moi presente na nosa terra, principalmente pola condición do seu solo fundamentalmente granítico: o gas radon. Para facer seguimento da súa presenza e combatelo, o alcalde José Ramón Romero e o director do IESP A Cachada, Francisco Pérez, asinaron este martes un convenio de colaboración. A través do acordo o Concello de Boiro cede ao centro dous novos medidores e o alumnado levará a cabo medicións en diferentes edificios e inmóbeis municipais.

A iniciativa formalizada este 8 de febreiro en Boiro xurdiu do alumnado do Club de Ciencias do IESP A Cachada que, dende o curso 2019/2019, realiza medicións do dito gas en domicilios co obxectivo de que a veciñanza poida tomar medidas de prevención ante un gas canceríxeno.

Segundo fixeron saber, o obxectivo deste convenio é que coa importante axuda do alumado local colla corpo un mapa de radon do termo municipal para achegar a información á veciñanza.

Lembrar que, a xeito de iniciativa complementaria, o departamento de Medio Ambiente do Concello de Boiro pon a disposición da cidadanía veciñanza que o solicite un medidor de radon para faceren medicións nas súas vivendas.

Na sinatura tamén estiveron o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, e a técnico do departamento, Carmen Saavedra; as mestras de bioloxía e tecnoloxía, Isabel Pelayo e Flor Domínguez; e as alumnas de 3º da ESO que levan a cabo o proxecto, Andrea Freire e Alba Rodríguez.

Segundo lembraron, o gas radon é un gas radioactivo que se produce polo desintegración natural de uranio e que, a súa concentración, pode ser prexudicial para a saúde.