Concello e Hostalería repartirán 1.775 euros en premios no concurso de disfraces do Entroido de Ribeira

Enmarcado dentro do Entroido 2022, o Concello de Ribeira, en colaboración coa Asociación de Empresarios e a Hostalaría de Ribeira, organiza un concurso de disfraces premiando con diversas gratificacións económicas nas súas categorías a mellor individual, parella e grupo. As persoas participantes (maiores de 18 anos) aspirarán a unha destacada listaxe de premios (en total, 1.775,00 euros).

Os locais hostaleiros que queiran ter parte activa no certame deberán inscribirse no enderezo electrónico turismo@ribeira.gal ou no teléfono 686 58 70 00 a partir da publicación dos concursos no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e como data límite ata o martes 22 de febreiro de 2022 ás 23:59 horas.

O concurso ten por finalidade “premiar aquelas persoas que resulten elixidas como mellores disfraces do Entroido 2022 no municipio ribeirense”.

Poderá formar parte da iniciativa toda persoa ou grupo de persoas maiores de idade que acudan disfrazadas aos locais hostaleiros, adscritos a este certame, a noite do luns 28 de febreiro en horario de 20:30 horas a 1:30 horas. Nestes establecementos poderán pedir unha tarxeta con todos os locais adheridos á iniciativa das que deberán ter selo ou sinatura de ao menos cinco deles para que sexa válida.

O prazo para remitir os datos, a imaxe da tarxeta selada e a fotografía das e dos participantes é o seguinte: dende o luns 28 de febreiro a partir das 20:30 h ata o luns 7 de marzo ás 12:00 h.

O concurso outorga premios cun importe total de 1.775,00 € distribuídos en tres categorías e tres premios para cada unha delas.

Categorías

Existen tres categorías con tres premios para cada unha delas: mellor disfrace individual, mellor parella e mellor grupo, este último composto por un mínimo de catro persoas.

Os premios serán outorgados aos mellores disfraces ou conxunto dos mesmos establecéndose as seguintes modalidades premiadas:

– Individual

1o Premio: 150 €

2o Premio: 75 €

3o Premio: 50 €

– Parella

1o Premio : 250 €

2o Premio: 150 €

3o Premio: 100 €

– Xeral – Grupo (mínimo de catro persoas)

1o Premio: 500€

2o Premio: 300€

3o Premio: 200 €

O xurado do concurso estará composto por membros do Concello de Ribeira e da Asociación de Empresarios e Hostalaría de Ribeira que emitirán o seu veredicto ao longo do mes de marzo do presente ano podendo facer a entrega ata o mes de abril.