Varios xogadores do San Sadurniño deron positivo por Covid-19 Boiro, 4 de febreiro de 2022. O partido que o San Sadurniño e o Rotogal Boiro Voleibol deberían disputar o mércores ás oito da tarde no Pavillón Municipal de San Sadurniño foi aprazado. O motivo é que varios xogadores do conxunto local deron positivo por COVID-19. A nova data da disputa do partido aínda non se confirmou.
É a segunda vez que se apraza o encontro entre os dous conxuntos galegos, que deberán buscar unha nova data para enfrontarse. O Rotogal Boiro Voleibol tamén terá que pechar o día para medirse co Teruel noutro dos partidos que foi posposto no seu momento. Os da Cachada si que fixaron as xornadas para enfrontarse como locais con Conectabalear Manacor (mércores 16 de febreiro ás 20.00 horas) e Unicaja Almería (xoves 10 de marzo ás 20.00 horas).
