Rianxo prevé rehabilitar o Pazo do Martelo con axuda do 1,5 % cultural

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, comprobou en Rianxo o resultado das últimas rehabilitacións de vivendas levadas a cabo no ámbito do ARI, para o que se aprobaron outros seis proxectos que recibirán 53.000 € do Goberno central, 13.700 da Xunta e 39.800 do Concello.

Desde 2009 restauráronse en Rianxo 165 vivendas, cun investimento global de 3,5 millóns. O alcalde, Adolfo Muíños, anunciou que presentará un proxecto para restaurar o Pazo do Martelo (BIC e sede da biblioteca) con cargo a unha axuda do 1,5 % para bens de interese cultural dos ministerios de Fomento e Cultura, que cubriría case o 80 % do custo da obra, estimado en 630.000 €. Tamén anunciou a segunda fase para renovar as luminarias LED no 35 % restante tras a actuación anterior con axuda do IDAE.