O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este martes 11 unha xuntanza de traballo co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas. Na reunión analizaron polo miúdo os proxectos de infraestruturas e servizos sociais de maior interese para o concello do Barbanza, entre os que se atopa a futura residencia de maiores, da que xa se entregou o proxecto de derribo da estrutura da antiga discoteca Hesta Kurba, a futura localización do inmóbel. Ruiz e Feijóo lembraron que se trata “dunha residencia piloto”, que contará con 100 prazas e que “é un dos proxectos que Galicia presentou para ser financiado con fondos europeos”.

Ademais, recordaron a posta en funcionamento dun punto de encontro familiar en Ribeira a finais de xaneiro, que será o oitavo en Galicia.
En materia de estradas, Feijóo incidiu na previsión de que as obras da fase I da actuación da variante de Ribeira se poidan licitar en 2022, toda vez que xa se atopa en redacción. Ademais, lembrou a adxudicación por parte da Axencia Galega de Infraestruturas no mes de xullo de 2021 do contrato de redacción do proxecto construtivo para a recuperación da identidade urbana da estrada AC-305 na travesía de Palmeira.
No que respecta ao novo parque empresarial que o concello está a promover en Palmeira, Feijóo ratificou o compromiso da Xunta de co-financiar as obras de saneamento consistentes na execución de 1,5 km de tubaxe de saneamento que se conectaría co polígono de Xarás.
Feijóo e Ruiz analizaron tamén os avances nas novas infraestruturas portuarias como a remodelación do porto de Palmeira, unha actuación que está en fase de redacción e enmárcase no convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2021 pola Xunta e a Fundación RIA.
Asemade, abordaron a rehabilitación integral do CEIP de Frións que “se prevé estea totalmente finalizada no inicio do curso 2022/2023”, sinalaron, engadindo que se contempla este ano o inicio de actuacións como a substitución da cuberta, a instalación de SATE en fachada, a substitución de carpinterías exteriores ou a substitución das luminarias existentes por iluminación LED.
Para rematar, Feijóo salientou algunhas das melloras que se levarán a cabo no municipio no ámbito sanitario, como a reforma da sala de endoscopias dixestivas no hospital do Barbanza ou a nova área de hospitalización que está pendente de licitación e permitirá incrementar un 40% o numero de camas. A maiores, aludiu á construción do novo Centro de Saúde, que nestes momentos está pendente do traslado por parte do concello da proposta de terreo para asinar o convenio.
