Os escolares de Boiro redescobren os tesouros do río Coroño da man do Concello

O Concello de Boiro, a través das Concellerías de Medio Ambiente e Educación, impulsou co inicio de ano un programa divulgativo cos centros de ensino locais para coñeceren a contorna do río Coroño. O concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, asistiu na mañá deste xoves 20 de xaneiro ás actividades desenvolvidas co primeiro centro en participar na iniciativa, que foi o CEIP Praia Xardín.

O obxectivo é a análise, a través de distintos experimentos, do esteiro e o curso fluvial do Coroño para descubrir o seu medio físico e as propiedades da vida que se alberga nel. Aproveitarase para mostrar a flora e fauna que forma este ecosistema de marisma e as pegadas deixadas pola estreita relación mantida entre o río e a veciñanza, materializadas por exemplo nos muíños de Ponte Goiáns.

O circuíto componse de catro actividades distintas, polas que o alumnado irá pasando de forma rotatoria. Unha delas versa sobre a ciencia do Esteiro do río Coroño, na que realizan medicións para descubrir o medio físico e as características do ecosistema. Unha segunda parte é sobre os seres que habilitan o esteiro de Coroño, unha xincana coa que se convida aos participantes a resolver unha serie de enigmas e pasar unha serie de probas para coñecer as especies máis frecuentes e curiosas.

A terceira parte consiste nun traballo de investigación para identificar a fauna que vive no río, localizando e recoñecendo as especies que se van atopando para extraer conclusións sobre o estado de saúde do curso fluvial.

A cuarta e última parte consiste nunha visita aos muíños de Ponte Goiáns para coñecer o funcionamento das infraestruturas.

Esta maña participou o alumnado do CEIP Praia Xardín e nas vindeiras semanas farano os demais centros de ensino do municipio.