O Rotogal Boiro Voleibol retoma a competición na Cachada este sábado contra o Unicaja Almería

Miguel Álvarez.- Trala pausa competitiva que durou case un mes, o Rotogal Boiro Voleibol retomará pasadomañá a competición. Recibirá na Cachada ás 19.00 horas ao Unicaja Almería, líder da Superliga. Con respecto aos últimos partidos, o técnico Marcelo Benavídez explica que “estamos a perder en quintos sets contra os mellores da liga. O noso rendemento é bo, pero deberiamos mellorar eses finais de partido. Temos que modificar algún erro para poder pechar eses quintos sets e poder levarnos máis puntos”.

Un dos enfrontamentos previos do equipo boirense co Unicaja Almería

En principio, o Rotogal Boiro Voleibol poderá contar con todos os seus efectivos para recibir ao líder invicto da Superliga. Con todo, unha das incógnitas é coñecer como responderá o equipo

despois do parón do Nadal. Neste sentido, Benavídez expresa que “agardabamos parar soamente 8 ou 9 días e acabamos parando case 20. Despois suspendeuse o primeiro partido e non estaba nos plans de ninguén permanecer un mes parados. Iso saca ao equipo de ritmo, comezan as dores e os fastidios. Seguramente, a min xa non me aguantan máis. Así que esperamos empezar a xogar rápido e que non haxa ningún inconveniente”.

Sobre o Unicaja Almería, o preparador do Rotogal Boiro Voleibol advirte que “sen dúbida, é un

gran equipo. Non perdeu até o de agora e seguro que iso fai que se sinta superior aos demais. Pero tentaremos facelo o mellor posible, xogar ben en equipo e ter altos rendementos individuais para poder medirnos de igual a igual”.