Co inicio do novo ano, o Goberno galego fixo balance dos traballos que vai realizar a prol da remodelación de edificios públicos de titularidade autonómica, uns labores que poñen o foco na rehabilitación enerxética no camiño de garantir as melloras taxas de eficiencia nos inmóbeis. En total, estase a actuar en 26 edificios, mobilizando un investimento de máis de 27,3 millóns de euros que recibirá de fondos europeos Next Generation.
Unha ampla maioría dos edificios públicos, 21 en total, corresponden á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Inclúense neste grupo o IES da Pobra do Caramiñal (fase 2, cun investimento total de 1.640.652 euros), o CEIP de Frións (fase 1, 844.180 euros) e máis o IES de Fontexería en Muros (fase 1, 1.744.695 euros).

Trátase de obras en centros educativos de 16 concellos, a maioría xa en marcha, que están a ver mellorada a súa eficiencia enerxética con novas luminarias, optimización da calefacción, substitución da carpintería exterior, renovación das xanelas ou cambio das cubertas, entre outras medidas. Estes traballos realízanse seguindo o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado hai uns meses e que deseña un modelo de escolas post-COVID.
Outros catro inmobles son propiedade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ademais é o departamento encargado de xestionar estas subvencións. Neste caso, trátase do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, localizado na Coruña; o centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios; o centro de recepción de visitantes do Parque Natural O Invernadeiro, en Vilariño de Conso; e o edificio administrativo da Consellería, situado en San Lázaro (Santiago de Compostela), onde se reducirá o consumo de enerxía nun 50%.
Así mesmo, tamén se rehabilitarán os antigos xulgados da rúa Lalín, en Vigo.
Os inmóbeis teñen todos unha data de antigüidade anterior a 2009, tal e como estaba indicado no programa. As obras deberán cumprir os requisitos dunha redución do consumo de enerxía dun mínimo do 30% e unha política na que polo menos un 70% dos residuos de construción e demolición se preparen para reciclaxe e reutilización.
