A Xunta e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a principal entidade da nosa terra de cantas traballan para protexer e investigar cientificamente os cetáceos e outras familias e especies de animais mariños, renovaron o seu convenio de colaboración para “a asistencia e a recuperación dos animais varados no litoral galego”. A través del, a Consellería do Medio Ambiente destinará este ano 40.000 euros a manter as accións que, desde hai case dúas décadas, desenvolven ambas entidades de maneira conxunta co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.
En virtude do referido convenio, vixente ata o 15 de decembro de 2022, a CEMMA comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; a prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posíbel, das causas da morte.
A Consellería, pola súa parte, financiará todas estas accións e ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, “aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados”.
Segundo Medio Ambiente, a colaboración coa coordinadora baséase “na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”.

Especies consideradas vulnerábel
Medio Ambiente lembra que Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral, onde destacan especialmente dúas especies de cetáceos: a toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus); así como a tartaruga mariña común (Caretta caretta), dado o seu status de protección como vulnerábeis no Catálogo galego de especies ameazadas.
Anualmente estímase que varan nas costas galegas unha media de 265 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, estando moitas veces incluídas no listado de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas.
Máis do 10% destes animais son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindíbel para lograr á súa conservación. Igualmente, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares tamén reporta información moi valiosa para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas que supoñen unha ameaza para estas especies.