Folga da conserva: os sindicatos falan de éxito de participación e a patronal tacha as mobilizacións de irregulares e desiguais

21 Xaneiro 2022

A folga das traballadores e traballadores da conserva convocada na súa primeira xornada para este venres 21 de xaneiro foi obxecto de valoracións moi diferentes por parte das diferentes partes implicadas. As protestas deixáronse ouvir especialmente en Boiro, Vilagarcía e Vigo.

Mobilización das traballadoras en Boiro

No que se refire aos sindicatos, aplaudiron “o éxito da primeira xornada de folga no sector das conservas de peixe” e enxalzaron a afouteza das traballadoras “plantándose ante o convenio da precariedade”. Son valoracións de Comisións Obreiras ante unha parada laboral que, destacan, “impediu a actividade nas principais empresas do sector en Galicia e no resto do Estado”. A folga repetirase os días 3 e 4 de febreiro, sempre e cando a patronal “non entre en diálogo para negociar cos sindicatos un convenio colectivo que dea cabo da precariedade”.

Segundo CCOO-Industria, “o persoal deste sector son maioritariamente mulleres que cobran un 28% menos ca na industria cárnica, onde a maioría son homes”. O sindicato considera que “é o momento de pescar dereitos neste importante sector industrial, especialmente para as mulleres, porque non se entende que cobre máis un ordenanza ca unha mestra de produción”.

A CIG, pola súa banda, fala de seguimento masivo en áreas como O Barbanza ou O Salnés. Tamén cifrou en arredor dun 90% o persoal de fabricación que non se presentou no seu posto de traballo, “o que amosa a responsabilidade e o compromiso que as persoas traballadoras do sector teñen co seu convenio e coas súas condicións laborais”.

Polo que se refire á patronal, representada por FEICOPESCA, sinalou que os sindicatos “obtiveron unha resposta irregular, feble e desigual na súa convocatoria de folga”. Proba disto, engadiu, é “que das 30.000 persoas chamadas a folga polos sindicatos en toda España, o 29% secundárona, existindo comunidades autónomas importantes que rexeitaron devandito chamamento, como Andalucía (0%), Valencia (0%), ou Cataluña (0%), e fábricas enteiras que non responderon á convocatoria”. Por Comunidades Autónomas, Galicia foi a que maior participación tivo cun 32%, mentres que Cantabria non superou o 30%, engadiu a patronal, explicando a maiores que o impacto destas mobilizacións “estímase, pois, moi pouco significativo para as empresas”.

A patronal sinala que “foron as centrais sindicais quen romperon unilateralmente a mesa de negociación ao convocar sorpresivamente unha folga no sector” e que “a posición empresarial manterase firme e con transparencia, cunha proposta xusta e que incluía até un 11% de incremento en catro anos, e beneficios sociais adicionais”. E engaden as empresas do sector: “Espérase, por tanto, valentía polos sindicatos para asumir a súa responsabilidade na negociación, xestión adecuada dos termos, e coherencia na procura dun acordo equilibrado que manteña a competitividade e emprego da industria”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...