En Boiro a rapazada fórmase en saúde bucodental a través da iniciativa Sorrisos intelixentes

Os centros de ensino de Boiro están a acoller diversas actividades de divulgación destinadas a promover a saúde entre a comunidade escolar. Estas accións abéirase ao Proxecto En(clave), un plan integral en materia de educación, igualdade e saúde impulsado dende o Concello. Unha das temáticas que engloba é a de hixiene bucodental, o apartado Sorrisos intelixentes. A concelleira de Educación, María Outeiral, visitou ao alumnado do CEIP Abanqueiro durante o desenvolvemento do programa.

Con esta actividade, que se desenvolve en varias fases durante o curso, búscase detectar as carencias existentes entre o alumnado. A primeira das fases é de recollida de información dos escolares a través dunha exploración na que se obtén o diagnóstico e coñecer a situación para iniciar a prevención. Na segunda fase ofrécese aos nenos e nenas unhas pautas prácticas para cepillarse de xeito correcto e realizase unha fluorización.

A terceira fase realizarase aos seis meses da revisión inicial, cando se fará unha valoración para observar a evolución e o nivel de saúde bucodental e realizarase un diagnóstico de posíbeis patoloxías que poidan posuír. “Con esta iniciativa o que buscamos é traballar co alumnado e as familias en accións relacionadas coa promoción e concienciación de hábitos saudábeis”, afirma a concelleira de Educación, María Outeiral.

O Proxecto En(clave) nace da necesidade de dar resposta á demanda dos centros educativos de traballar sobre acción relacionadas coa igualdade de xénero, a saúde mental ou a convivencia para impulsar un cambio de calores, roles e estereotipos. Este proxecto engloba tres grandes áreas de traballo que son a igualdade e sensibilización social; a educación e prevención e a saúde e benestar.