Dende o Concello da Pobra continúa a chuvia de datos sobre os altos niveis de reciclaxe e sustentabilidade acadados a través da actividade municipal en colaboración estreita coa cidadanía. Segundo a información achegada pola Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), cada pobrense reciclou 75’25 quilogramos de residuos no transcurso do pasado exercicio.

Esta cifra incrementa lixeiramente a taxa conseguida en 2020, onde se acadaron os 74’37 quilogramos. Atendendo á recollida selectiva, os envases lixeiros constitúen 21’19 kg, seguidos do vidro (18’61 kg), papel-cartón (15’39 kg), o rexistrado no punto limpo do polígono da Tomada (14’87 kg), téxtil (4’27 kg), aceite doméstico (0’76 kg), o depositado nos minipuntos limpos urbanos (0’11 kg) e o do punto limpo móbil (0’05 kg).
Doutra banda, no conxunto do termo municipal xeráronse 3.869’4 toneladas da fracción do resto; 195 de envases lixeiros; arredor de 170 de vidro; e 140 de papel-cartón. Unhas cifras similares á de anualidades anteriores. Para o depósito destes residuos, a veciñanza dispón de 448 contedores xenéricos, 221 de envases lixeiros, 64 de papel-cartón e 51 de vidro.
Así mesmo, dende a Área do Medio Ambiente estímase que os composteiros domésticos instalados actualmente repercutiron nunha redución de aproximadamente 62 toneladas de materia orgánica nos contedores xenéricos dende o inicio das campañas ata o de agora.