Con motivo da festividade de San Amaro de Bexo, no concello de Dodro, este sábado día 15 de xaneiro a Eira da Malla de Bexo acollerá a actuación de Su Garrido. Trátase dunha actividade abeirada ao Proxecto Emerxe Ulla, prevista para a devandita xornada do día 15 a partir das 17.30 horas. En caso de choiva farase no Local Social do Montiño en Imo. A cita vén da man da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Dodro.
Susana Garrido Pombo é unha cantante, e compositora galega, natural de Vigo. O seu estilo abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin.
Formou parte do grupo folk Lembranzas Galegas, do grupo Sonhos, do grupo Treme (con Margarida Mariño) e en 2018 de Son Trío coa pianista e compositora Katerina Linke e a cellista Susanna Blanco. En 2018 gravou o seu primeiro disco en solitario Quedo a vivir aquí e presentouno con xiras en Galicia, Portugal e Irlanda.




