“A descoordinación ministerial causa perdas de máis de 2 millóns ao palangre de superficie”. Antón Luaces

As catro organizacións de produtores representativas do sector do palangre de superficie (OP7 BURELA, OPROMAR, OPNAPA e ORPAGU) cualifican de “totalmente descoordinada e gravemente deficiente” a xestión gobernamental española en relación ao marraxo dentuso desde o ano 2020. Ese ano comezaron os problemas administrativos que a día de hoxe continúan. De feito, segundo as devanditas organizacións, a falta de decisións a nivel interministerial, que xa supuxeron importantes prexuízos económicos para o sector, podería supor perdas de máis de dous millóns de euros neste ano 2022.

Non é esta a primeira vez que os palangreiros expresan a súa disconformidade coa liña seguida polo Executivo español, como ben coñecen os lectores do Barbanza, xornal este no que vai semanas era Javier Garat,  secretario xeral de ANACEF, a patronal pesqueira española, quen manifestaba ese malestar que agora amosan as organización antes citadas porque, sinalan estas, a xestión descoordinada das administracións competentes (Pesca, Comercio e Transición Ecolóxica) -que se limitan a culparse mutuamente da situación- podía ser comprensible o primeiro ano de aplicación dos certificados CITES (2020), pero o escenario volveu repetirse en 2021, e no 2022 ameaza cun panorama aínda pior.

A falata de toma dunhas decisións que deberían ter estado vixentes o 1 de xaneiro, aínda se oscurece máis pola ausencia total de respostas ás insistentes consultas do sector verbo da publicaciòn dos cupos CITES 2022. Débese isto, unha outra vez, “á constatada descoordinación dos ministerios implicados na xestión do marraxo”. Para os afectados, a única medida tomada ata o de agora foi a de prohibir reter a especie de xeito global, mentres que outras frotas capturan esta mesma especie diante da impotencia dos armadores e organizacións cos representan, que ven sistemáticamente desatendidas as súas peticións urxentes.

O sector láiase de que no único que se poñen de acordo os ministerios é en se culpar os uns aos outros da kafkiana situación. Entrementes, as empresas armadoras sufren todos os prexuizos derivados deste escenario que se repite desde o ano 2020.

Co ano pesqueiro comezado e a frota afectada acumulando días dunha restrición que non debería existir de se ter xestionado correctamente a pesca e a comercialización desta especie, as catro organizacións representativas do palangre de superficie de altura e gran altura español piden unha “solución inmediata” ao conflito que ameaza co peche de empresas. 

buques adicados á captura do marraxo dentuso levan tempo con problemas que ninguén resolve e que se engaden ás vantaxes que outras frotas acadan por esta situación e aplican, de todas as maneiras, no seu exclusivo beneficio.