A campaña pobrense Raña e gaña derivou nun movemento de 800.000 euros na súa segunda convocatoria

O Concello da Pobra fixo balance da repercusión deixada pola segunda convocatoria da campaña local Raña e gaña, que vén de chegar ao seu remate logo despois de que se puxese en marcha no 27 de novembro, sendo o seu obxectivo “incentivar as compras nos establecementos de proximidade e, polo tanto, vigorizar a actividade económica do municipio”. Foi unha iniciativa pensada especificamente para a época do Nadal xurdida da unión de forzas entre o Concello da Pobra do Caramiñal e o comercio local xunto coa colaboración do tecido empresarial: CONGALSA, Grupo Roig, Rianxeira/Escurís, Conservas Ramón Franco, a estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal. No balance feito pola Concellería da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), faise saber que esta edición foi quen de igualar o éxito da primeira.

En concreto, supuxo un movemento de aproximadamente 800.000 euros. No transcurso da campaña distribuíronse máis de 70.000 tarxetas en 60 establecementos comerciais e de servizos da localidade, o que se traduciu no repartimento de arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 15.000 euros.

Entre os locais integrantes figuraban tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, xoiarías ou informática, entre outros, traducíndose en agasallos de diversa índole: dende produtos alimentarios a sesións fotográficas, tratamentos de beleza ou complementos, entre outros obsequios.

Ademais, as empresas colaboradoras aportaron o seu grao de area con presentes que consistiron, principalmente, en lotes de produtos, dispositivos eléctricos, maletíns de limpeza de vehículos e unha viaxe familiar a Eurodisney. Segundo o Concello, este último obsequio (a viaxe á cidade infantil de París) era “un dos obsequios máis ansiados” e, finalmente, apareceu nun rasca entregado nesta semana. A agraciada resultou ser Eva Santamaría Dios, quen casualmente tamén é comerciante na Pobra, pois rexenta unha libraría. A entrega oficial deste premio efectuarase unha vez a situación sanitaria así o permita.

As persoas afortunadas que aínda non recollesen os seus agasallos aínda están a tempo ata o día 28 de febreiro. No caso das contribucións do comercio, precísase na propia tarxeta o presente xunto co local ao que acudir; mentres que no relativo aos artigos procedentes das empresas, a recepción é na oficina do turismo (Casa Mariñeira), onde o persoal municipal se encarga da xestión, pois estes produtos permanecen alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.