O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), recibiu na mañá deste 30 de decembro a un total de cinco veteranos peregrinos procedentes de distintos puntos da xeografía española que se atopan nestes días transitando o Camiño de Santiago do Barbanza e que finalizaron na xornada deste 29 a etapa Carreira-A Pobra para emprender o día 30 a etapa A Pobra-Cespón. A súa andaina comezou no 27 de decembro en Corrubedo e está previsto que conclúa no 2 de xaneiro en Santiago.

Á recepción tamén concorreron representantes da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, nomeadamente o seu presidente, Manuel Mariño Nin; vicepresidente, Manuel Antonio Villar; e secretaria, Marián Treus. Durante o encontro, os camiñantes trasladaron as súas impresións do itinerario e, no caso concreto da Pobra, destacaron a beleza do treito que discorre pola zona de Niñeiriños. Así mesmo, dialogaron sobre as posibilidades de cara un futuro establecer albergues en todo o traxecto.

O rexedor expresoulles os seus desexos de que a experiencia lles resulte grata e desfruten da tradición xacobea e atractivos das localidades que conforman A Orixe.

Pola súa parte, o presidente da citada entidade puxo en valor a hospitalidade da veciñanza e declarou que se continúa traballando na dinamización desta ruta xacobea.

Finalmente, fíxoselles entrega do catálogo da exposición itinerante As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza: A Orixe, exemplares que foron con dedicatorias do mandatario local e dos representantes da referida asociación a petición dos propios viaxeiros para ter como recordo da súa estadía no municipio.
